InicioM.ambiente e PatrimonioAlertan do impacto "sen precedentes" da eólica mariña proxectada na costa de...

Alertan do impacto “sen precedentes” da eólica mariña proxectada na costa de San Cibrao

Presentan alegacións contra dous parques eólicos que, de seguir adiante, afectarían zonas protexidas e recursos das comunidades pesqueiras das que viven miles de familias.

Publicada o

- Advertisement -

A asociación Salvemos Cabana vén de presentar alegacións aos parques eólicos mariños flotantes San Brandán e San Cibrao polo seu “potencial nivel de afectación sen precedentes na historia recente de Galicia sobre espazos protexidos”, indican nun comunicado. En concreto, o parque eólico San Cibrao situaríase fronte á costa de San Cibrao e contempla unha potencia total de 490 MW, igual que San Brandán. Ambos son proxectados por Iberdrola. 

Salvemos Cabana considera “un desatino” o plan industrial de Iberdrola “nunha das áreas costeiro-marítimas de maior valor ambiental de Galicia”, desenvolvido en dous proxectos que, alertan, podería afectar numerosas áreas protexidas a nivel europeo pola Rede Natura 2000, ademais de poñer en risco especies en perigo de extinción e mesmo os recursos das comunidades pesqueiras das zonas afectadas, dos que viven miles de familias. Ademais, segundo indican, terían impacto sobre “paisaxes costeiras únicas” e sobre “algunhas das mellores praias das zonas”, como Repibelo, Sabón, Esteiro, Portocelo e Limosa. Por iso, a asociación pon o foco tamén na afectación que poderían causar ao turismo de costa.

“Os parques eólicos mariños San Brandán (490 MW) e San Cibrao (490 MW) son unha nova mostra da megalomanía enerxética despregada sen rubor polas grandes corporacións, pois entre ambos proxectos pretenden instalar 70 aeroxeradores montados sobre plataformas flotantes, cunha altura de núcleo de 138 metros sobre o nivel do mar e un diámetro de rotor de 230, o que determina unha altura en punta de pa que supera o cuarto de quilómetro (253 metros), o que equivale a 4,6 veces a altura da Torre de Hércules da Coruña”, explican nun comunicado. A área prevista de ocupación sería igualmente “demencial”, cualifican, con 108,7 km2 no primeiro caso e 127 km2 no segundo, o que supón un total duns 235 km2 (23.500 hectáreas) de ámbito marino.

O nivel de afectación potencial de ambos proxectos sobre os espacios protexidos “non ten precedentes na historia recente de Galicia”, indica Salvemos Cabana. E ademais, existe un “risco real de impacto sobre especies de cetáceos protexidas” presentes na zona mariña afectada, coma o delfín común (Delphinus delphis), mular (Tursiops truncatus) e listado (Stenella coeruleoalba), a toniña común (Phocena phoncena), o roncual común (Balaenoptera physalus) e o cachalote (Physeter catodon), alén doutras especies como a tartaruga boba (Caretta caretta) e a lamprea (Petromyzon marinus), que está presente na ría de Ortigueira.

Salvemos Cabana engade que este tipo de proxectos enerxéticos implican outros problemas ambientais alén da contaminación acústica polas vibracións xeradas na góndola e nas pas dos aeroxeradores. Trátase da “contaminación por metais pesados ou produtos químicos procedentes do mantemento, o dano dos fondos mariños polas anclas e o tendido de cables, a destrución ou modificación significativa de hábitats e o impacto negativo dos campos electromagnéticos sobre a biodiversidade”, recollen no comunicado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...